O segredo das Burgas: o debut literario de Andrés Pombo Graña

Categoría: Nova

Estes días comeza a chegar ás librarías O segredo das Burgas, a novela coa que Andrés Pombo Gaña debuta na narrativa galega, unha obra que sorprende pola súa enorme madureza, e que nos vai enguedellando dende os primeiros capítulos para non soltarnos. Unha novela luminosa malia a moverse na escuridade, no misterio e o terror que se agochan nas súas páxinas.
O segredo das Burgas mergulla a quen a teña nas mans nas profundidades dun Ourense descoñecido. Porque o que ninguén sabe é que baixo as pedras da cidade se oculta un mundo de demos vingativos, un Averno espantoso que agocha segredos incribles polos que moitos poderían chegar a matar. Velaquí unha aventura de bruxería e corrupción, de demos que aprenden a ser mellores e de homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas.

Nado en 1988 na cidade de Ourense, a Andrés Pombo Graña na casa líanlle contos para durmir e na escola dábanlle libros para ler. Daquela non lle quedou outra que facer medrar unha vea de escritor. Estivo algún tempo probando sorte en concursos literarios, pero deixouno durante catro anos para cursar Maxisterio no campus da cidade. Namorado da mitoloxía, ao rematar os estudos decidiu escribir sobre as lendas da súa terra. O resultado foi O segredo das Burgas, que chegou ao mundo nun ordenador que tarda demasiado en acender.

Comparte nas túas redes sociais ou por email