Dez anos despois da primeira edición, Galaxia volve publicar O sabre do francés nunha nova edición corrixida e ampliada con dous relatos: un inédito, titulado 'A negativa do dragón Émeri Vendermot', e incorpórase 'O sangue dos Cortiña', anteriormente publicado en volume exento. Trece relatos que pretenden recuperar o mellor espírito da narrativa histórica, de aventuras e fantástica. Cunha imaxe de cuberta realizada especialmente para esta edición polo pintor Saúl Otero.

Nestes relatos con forza e con ritmo, as imaxes encadéanse en secuencias case cinematográficas, ao tempo que narran, en intensas peripecias, a dramática loita dos galegos contra as tropas napoleónicas na Afrancesada de 1809. Trátase, segundo a crítica, dunha achega orixinal e afortunada a un período da historia de Galicia pouco explorado pola narrativa.

En O sabre do francés, o creador da serie do detective Frank Soutelo achégase ao relato histórico combinándoo por veces coa narración de aventuras e fantástica. Moitas das historias aquí reunidas xurdiron a partir de feitos reais recollidos por cronistas e historiadores, e mesmo conservados na tradición oral, sobre todo nas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, aínda que a presenza dos invasores franceses por toda Galicia, entre xaneiro e xuño de 1809, espalla a acción dos relatos ao longo de todo o país.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR