O "Libro das Seniguais" na Feira de Buenos Aires

Categoría: Nova

"Primeiro foron os monequiños. Figuras que ía construindo en miniatura e ás que lles ía dando vida a través da fotografía e o deseño. E logo, apareceu a historia das Seniguais". Así explicaba Leonor Beuter a construción do libro que, xunto coa súa nai, a novelista María Rosa Lojo, presentaron oficialmente no salón Alfonsina Storni da Feira do Libro de Buenos Aires.
Diante dun público numeroso, representativo das principais sociedades da colectividade galega (Federación de Sociedades Galegas, Centro Galego, Centro Galicia, Instituto Arxentino da Cultura Galega, asociación os Gromos, asociación Herbas do Prata, equipos de lectura do café Tortoni, etc), María Rosa Lojo e Leonor Beuter, nai e filla, presentaron "O libro das Seniguais e do único Senigual", coa intervención de Débora Campos e de Víctor F. Freixanes. O fondo musical correu a conta de Alfonso Beuter, músico e tamén fillo da novelista.
O director de Galaxia aproveitou para adiantar as grandes liñas do proxecto MAR MAIOR, no que dende a editorial vimos traballando dende hai tempo. Trátase dun selo editorial que proxectará a cultura galega e Galicia a través da rede social dos galegos no mundo.
"A Galicia exterior existe", explicou Freixanes, "e debemos saber aproveitala para construír as nosas plataformas de difusión. Unha cultura que non é quen de estar presente no mundo da globalización, en diálogo coas outras culturas desenvolvidas, é unha cultura con problemas, e a cultura galega ten cartas para xogar nesta partida".
María Rosa Lojo leu o seu texto en galego e en castelán, pero abriu o acto en galego, recoñecendo que este libro é a súa primeira contribución directa á nosa lingua, xa que o anterior, a novela "A fin da terra", é unha tradución que realizou Ramón Nicolás da súa obra "Fisterra".
"Aquí puxen as miñas palabras galegas", explicou a escritora, "as palabras do meu pai e dos meus avós de Boiro para unha historia distinta, construída dende a universalidade, pero inspirada na identidade miña e da miña familia. Neste proxecto da Galicia exterior nós tamén queremos estar".
Neli Espiño, directora cultural da Feira do Libro de Buenos Aires, orixinaria das terras de Lugo, tamén participou nos actos da cultura galega, que continuarán nos próximos días con homenaxes a Álvaro Cunqueiro e a Neira Vilas.

FOTOGRAFÍAS: Paula Sabajanes

Comparte nas túas redes sociais ou por email