O Premio Nobel Orhan Pamuk editarase tamén en galego

Categoría: Nova

A nova novela de Orhan Pamuk, na que o escritor aínda está a traballar, titúlase O museo da inocencia. Desenvólvese na cidade de Estambul, marco habitual das súas obras, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX, e conta a historia de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza de clase humilde e traballadora.

A novela sairá en lingua galega ao mesmo tempo que nas outras linguas europeas. Tal é o acordo asinado por Editorial GALAXIA cos representantes do escritor, continuando o esforzo de incorporar ao galego títulos contemporáneos e novidades editoriais de grandes autores en todo o mundo, moi especialmente doutras literaturas de Europa (Biblioteca Compostela de Narrativa Europea).

O acordo con Orhan Pamuk inclúe, ademais dos novos títulos do autor, a recuperación progresiva da súa obra literaria, que sairá á par de novas entregas. Xunto con O museo da inocencia, que se anuncia para final de ano, a Biblioteca Compostela de Narrativa Europea publicará O castelo branco, primeira e celebrada novela do escritor. O castelo branco céntrase na Italia do século XVII. Un mozo erudito é capturado por piratas, que o venden no mercado de esclavos de Estambul. Un sabio turco mércao para que o informe sobre os adiantos científicos e intelectuais de Occidente, mais a súa relación acaba nunha fonda amizade. Pamuk tece unha historia chea de intelixencia e sensibilidade, unha fábula inzada de aventuras que invita a reflexionar sobre a relación entre culturas.

Estes serán os dous primeiros títulos que Editorial GALAXIA irá ofrecendo da obra do Premio Nobel de Literatura, 2006. Os lectores terán oportunidade de acceder directamente, en lingua galega, a un dos grandes mestres das letras contemporáneas universais, traducido directamente do turco por Bartug Aykan, profesor da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela, coa colaboración de Eva Almazán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email