O Pleno da Real Academia Galega nomea a María Rosa Lojo membro de honra

Categoría: Evento
O Pleno da Real Academia Galega nomeou a María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra. Filla de pai galego e nai castelá, é autora dunha ampla produción como experta en literatura e dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais. En ambos os campos a súa é unha voz profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais.

María Rosa Lojo, doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet) e na actualidade é directora do Centro de Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, na capital porteña. Dende 2015 é membro correspondente da Academia Norteamericana da Lingua Española e dende 2017 pertence ao consello de administración da Fundación Sur. A súa obra literaria foi traducida a distintos idiomas e mereceu galardóns como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos ou o Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores, que recibiu por primeira vez en 1944 Jorge Luis Borges.
A autora recoñece a influencia que na súa literatura exerceron especialmente as lecturas de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, pero antes de que iso acontecese xa atopara nos relatos orais do pai un elemento de identificación que compara ao que na cultura dos mapuches e ranqueis, os pobos orixinarios do centro e do sur de Arxentina, representa o chamado “canto de linaxe”. Ela mesma ten apuntado que pode ser considerada a autora contemporánea do seu país “onde a marca galega é máis profunda e perceptible, en extensión e intensidade”.
Na nosa editorial publicou os títulos A fin da terra e o o álbum ilustrado O libro das Seniguais e do único Senigual, publicado orixinalmente en 2010 en galego e vertido seis anos despois ao castelán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email