“O paraíso dos inocentes”, Premio Torrente Ballester 2019, en todas as librarías

Categoría: Nova

Comeza a chegar a todas as librarías O paraíso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019, de Antón Riveiro Coello. Trátase dunha novela envolvente, na liña doutras obras do autor, como As rulas de Bakunin e Laura no deserto, escrita desde o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos desesperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.
Léndoa, trasladámonos a marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo, en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia atopa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.
Tecida a partir destas historias, O paraíso dos inocentes é unha viaxe á cerna da destrución provocada polo conflito sirio e á traxedia dos refuxiados, ao tempo que un canto emocionado á solidariedade, á esperanza e á liberdade.
Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999, 3ª ed.), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999, 2ª ed.), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000, 8ª ed.), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001, 2ª ed.), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005, 2ª ed.); A voz do lago (Galaxia, 2007, 3ª ed.), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011, 8ª ed.), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013, 2ª ed.); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015, 3ª ed.), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016, 4ª ed.), Premio Frei Martín Sarmiento; e Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017).

Comparte nas túas redes sociais ou por email