O ouro das lúas: unha novela de segredos

Categoría: Nova

Estes días chegaba ás librarías galegas O ouro das lúas a nova novela de Beatriz García Turnes publicada na colección Costa Oeste.
O ouro das lúas arrinca coa viaxe chea de aventuras que emprende Tide no séquito da súa señora, a sacerdotisa Ura. Tide, protagonista, pensa que a longa peregrinación vaina levar ao Templo do Sol Nacente, pero deseguida se decata de que a sacerdotisa Ura ten que abandonar a súa terra por outras razóns que nada teñen que ver coa devoción aos deuses. Ao longo dos capítulos enfrontámonos ás dificultades inherentes a calquera viaxe que se tecerán cos riscos que comportan a ambición, o poder e as intrigas dos templos e dos pazos.
Unha novela chea de intriga, de exploración de novas terras, onde ten cabida o amor, a morte, a decepción, a admiración ou o crecemento persoal. A amizade que acaba unindo a Ura e Tide, o amor por Noúr ou o feito de que Tide teña que abandonar o espazo de confort que supón obedecer sempre e asumir novas responsabilidades son outras tramas que descubrimos ao longo das páxinas.
O ouro das Lúas é unha viaxe onde o destino sobrevoa coma un paxaro de incerto agoiro e a lúa chega a confundirse co sol para gardar dentro dela os máis luminosos segredos.
Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973) é doutora en Filoloxía Galega. Como narradora, deuse a coñecer sendo adolescente ao ser galardoada en diversos certames literarios, como o Repsol de relatos curtos, o Camilo José Cela ou o Minerva. A súa primeira novela, Valdamor (Galaxia, 2001), recibiu o Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). En Galaxia ten publicado tamén o discurso para as Súas Maxestades de Oriente “Os mellores agasallos”, do Libro dos Reis (2012), así como Vida e obra de Ramón Piñeiro (2009) e Diccionaro gallego-castellano, castellano-gallego (2001) en coautoría con Carmen González Bueno e María Álvarez de la Granja. Ten colaborado en publicacións como Grial, Verba ou o Boletín da Real Academia Galega con traballos de sociolingüística histórica e de historiografía lingüística, arredor dos que elaborou tamén a súa tese de doutoramento Ideas sobre o galego e as orixes do portugués na lingüística lusa do século XIX: xénese e impacto en Galicia da hipótese celtista. Fóra do ámbito da ficción publicou ademais libros como A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004) e, en coautoría con Xesús Alonso Montero, Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016) .

Comparte nas túas redes sociais ou por email