O novo Premio Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

A partir da sinatura deste convenio unifícanse os dous premios de ensaio Ramón Piñeiro que existían ata o de agora, dando lugar ao premio máis importante dos dedicados ao ensaio en Galicia, dotado con 6.000 euros e a publicacion da obra gañador por Editorial Galaxia.

Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística, Luís Díaz, Director de Unión Fenosa en Galicia, e Víctor F. Freixanes, Director Xeral de Editorial Galaxia, acompañaron aos autores neste acto. Convocado por Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2006 foi para Psicopatoloxía do retorno, de Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo , pola súa análise da complexa situación dos emigrantes galegos retornados a partir da narración da súa experiencia. Na súa VI edición o xurado estivo composto por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema como secretario do xurado.

Ao carón das complicacións persoais, os autores de Psicopatoloxía do retorno destacan a importancia social dos emigrantes que volven: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. Pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade allea a nacenza, construida a pulso. O retorno é un fenómeno silandeiro, debe deixar de selo. Temos que escoitar atentamente, porque a carón de nós, hai xente que fala con acento de Berna ou de Buenos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país, e que merecen que o aproveitemos".

O libro parte da lembranza idealizada dun lugar e dun tempo pasado, e da volta a un paraíso perdido, para analizar a patoloxía que agroma cando esa fantasía ou obxecto máxico é negada. O retorno como fenómeno silandeiro no que a sociedade galega debe esculcar atentamente para integralo como experiencia ricaz. Traballo de campo e reflexión ensaística, velaquí unha novidosa achega ao fenómeno da emigración escrita desde o punto de vista da ciencia psiquiátrica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email