O Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultudes Especiais, con sede en Oslo, decidiu a partir do dictame dunha comisión de expertos, incluir O NENO CAN, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, na súa Lista Outstanding Books 2013, é dicir, na súa lista de libros destacados polo seu tratamento da discapacidade. Isto implica, ademais dun recoñecemento internacional para o libro, entrar dentro dun Catálogo que recolle as mellores publicacións do mundo sobre esta temática e que se edita en varias linguas, e formar parte dunha exposición que se inaugurará na Feira de Boloña e que terá a súa sede permanente en Oslo despois de itinerar por distintas capitais do mundo.
O Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais foi creado en 1985 no Norwegian Institute for Special Education da Universidade de Oslo e ofrece servizos de información, consulta e documentación para organizacións, investigadores, docentes, estudantes, bibliotecarios, editores, autores, ilustradores, encargados de formular políticas e os medios que traballan con nenos e mozos con necesidades especiais.
Grazas aos seus proxectos internacionais, que contan co apoio de UNESCO, de varias editoriais e dos membros de IBBY, o Centro posúe unha gran colección de libros para nenos e mozos e tamén para adultos con dificultades de linguaxe e de lectura. Os libros expóñense en congresos, feiras do libro e diversos eventos.
Os tres títulos que dende Oslo se seleccionaron, do estado español, son dous en catalán e este texto en galego que publicou a Editorial Galaxia e que nos vindeiros meses será publicado en castelán por unha editorial española.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR