O libro de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes

Categoría: Nova

Desta vez foi Manolo Gago, director de culturagalega.org, quen moderou a marcha da mesa. Despois de apuntar algúns dos desafíos abertos polo tema, entre os que non son pequenos o cambio de lugar de lectura da páxina encadernada á superficie da pantalla, ou a absoluta preponderancia do software sobre un hardware en retirada, foi presentando os convidados: Francisco Castro, escritor e autor do blog A canción do naufrago; Rosa Aneiros, xornalista e escritora; María Yáñez, xornalista no eido dixital, e mais Óscar Sánchez, físico e autor do blog Días estranhos.

Francisco Castro abriu o turno manifestando as súas dúbidas encol do novo soporte alternativo ao libro celulósico tradicional: o Kindle de Amazon, unha máquina, un "cacharro" reprodutor máis ca un libro. Na súa opinión, semella ter mellores cualidades para a reprodución musical ou visual. Para Castro, o desafío está na construción de novas linguaxes, que xa andan por aí influindo na creación literaria actual. Hai unha oportunidade enorme para a creación de poemas visuais, onde as imaxes veñen directamente sen lectura textual previa.

Malia non se considerar moi "novidosa" neste eido, Rosa Aneiros recoñeceu o papel das novas tecnoloxías na escrita e na distribución de textos. É incuestionable e non lle causa maior problema. Ela encóntrase a gusto entre as palabras e con elas crea, sempre na procura de literatura e interactividade co lector, que é o que tamén lle pide ás novas tecnoloxías. Coincidiu, tamén, con Francisco Castro na importancia das novas linguaxes fronte ao soporte: "o soporte nunca sustituirá a mensaxe".

Para María Yáñez estamos diante dun cambio de soporte tan importante coma o provocado por Gutemberg. Pasou o disco de vinilo, as casetes, os cartuchos; están pasando os CDs e DVDs, pero non dá dexergado o paso do libro, do libro literario, o que non está sometido, como o están as enciclopedias e libros técnicos, á "selección natural" do seu mundo. "Pode mudar a maneira de ler, de ordear información, de búsqueda -suliñou- pero a letra non é son nen imaxe".

Óscar Sánchez, sen embargo, pensa que todo o que é tecnoloxicamente viable acaba sucedendo, é un principio de validez universal. O dilema non está no soporte senon na comercialización. "Editar non é imprimir -recórdanos- e o editor non é só un comercial". Aínda así, ao libro quédalle, ao seu xuízo, un longo percorrido. As novas tecnoloxías demostran, polo de agora, unha boa eficiencia na transmisión e no control da produción deslocalizada, pero pouca eficacia fóra do PC.

Cun animado coloquio rematou a mesa e a singradura do ciclo, entre amigos que nos acompañaron para xuntos agradecer a Mimí Alonso Dacuña, esposa de Xohán Ledo, o seu constante apoio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email