O Festival Kerouac, no que a Editorial Galaxia participa como colaboradora, celébrase do 2 ao 6 de outubro e contará coa presenza de Rompente, Lisboa Poetry Ensemble, Rocío Cerón, Silvia Penas, Tamara Andrés, Samir Delgado ou Yolanda Castaño, entre outros. Comezou hai 9 anos en Vigo e agora celébrase tamén en Ciudad de México, en xaneiro, e Nova York, en abril, actuando como ponte poética sobre o Atlántico para a promoción das nosas linguas.

 O festival

En outubro de 2010, os vigueses Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente decidiron lanzar un festival de poesía, performance e acción artística na cidade de Vigo, xusto un ano antes de toda a explosión poética que se viviu en Madrid, cos micros abertos de Bukowski e Blue Devils impulsados polo movemento 15-M. Aquela primeira edición do festival celebrouse na praza de Arquitectos e na xa desaparecida sala La Fiesta de los Maniquíes, en Churruca, cos lisboetas Volta-Face como cabeceira de cartel, acompañado de Juanma Lodo, Xesús Valle, Tiatreros, Guy Bobillo o Teatro do Revés. Agora, nove anos despois, o festival conta con escenarios en Ciudad de México e Nova York -onde tamén produce o evento mensual This is Poetry- e trouxo a Vigo máis de 200 artistas de todo o mundo, incluíndo músicos, poetas e intérpretes.

Músicos, poetas e intérpretes

Nesta novena edición a sensación será o regreso aos escenarios do grupo pioneiro de resistencia poética Rompente. Reixa, Romón e Avendaño volven 40 anos despois da súa aparición artística para recordarnos aos que abriron o camiño da poesía experimental na nosa cidade.

De México chega a poeta e activista cultural Rocío Cerón, unha das voces máis importantes da poesía do seu país. Desde Londres, a parella de intérpretes e artistas conceptuais Luna Montenegro e Adrián Fisher, que percorreron o mundo coas súas instalacións artísticas e sonoras.

Desde Lisboa, o Lisbon Poetry Ensemble, un exquisito cuarteto de música e palabra falada en portugués.

O poeta canario afincado en México, Samir Delgado, director do Tren dos Poetas, presentará o seu novo libro Xardín Seco.

A representación galega chega no novo proxecto de Silvia Penas e Tamara Andrés, Cartografías para un pergamiño portátil. De Pontevedra chega Moloch, o novo proxecto da guitarrista de Bala. Ademais, unha selección de propostas de toda España e Portugal en chamada aberta, con Constance Hurlé e Rui Grelha, Lúa Mosquetera, Noctiluca, Daniel Rodríguez ou Beatriz Alonso, completan un espectacular cartel de 5 días para 7 eventos diferentes.

Espazos

En canto á sede central, repiten con respecto a edicións anteriores a Fundación Barrié de la Maza, onde o venres poderemos gozar con Rompente, Silvia Penas e Tamara Andrés, Spiegel e Montenegro Fisher.

Yolanda Castaño trae o xoves á Galería Sargadelos aos poetas que nesas datas estarán habitando a sempre poética illa de San Simón: Tradución poética internacional da man do Obradoiro “Con barqueira e remador”, con Gonzalo Hermo, Itisha Giri, Adrian Grima ou Arvis Viguls entre outros.

Tamén o restaurante El Corte Inglés, na tarde do sábado, acollerá un recital coa estrea en Vigo da poeta mexicana Rocío Cerón, o proxecto de Constance Hurlé e Rui Grelha, hacialaluz, e Noctiluca, poesía recitada sobre música, na voz de Bea López.

Os espazos novidosos deste ano serán a Sala Radar, onde se desenvolverá a noite do sábado o evento nocturno do festival, a cargo do Lisbon Poetry Ensemble e Moloch, e La Taberna del Náutico, o domingo en sesión vermú, con Lúa Mosquetera, Beatriz López, Samir Delgado, as burbullas sonicas de Rocío Cerón e o Open Mic do festival. A continuación, os poetas cruzarán o río en barco con recitais a bordo no Poetry On Board.

Actividades paralelas

Ademais de varias accións poéticas, o festival complétase co Poemóbil, un coche con megafonía no que os poetas circulan recitando poesía e que funcionará mañá e tarde de mércores a sábado. Tamén como en anos anteriores, os poetas irán aos institutos Santa Irene e IES Castelao o xoves pola mañá, para dar unha nova visión ás novas xeracións do que pode ser a poesía.

O domingo pola tarde celebrarase a cerimonia de clausura, inaugurando unha nova sección do Muro dos Poetas, unha instalación poética permanente a cargo da poeta Shernie Kaur que medra ano tras ano na rúa Londres.

Vigo, cidade poética

Máis de 40 poetas e artistas chegan á cidade de Vigo de todo o mundo para amosarnos o seu xeito de entender a arte e a poesía. Polas rúas de Vigo e a súa ría, poetas e intérpretes comparten espazo cos cidadáns, popularizando o acto poético e transformando sentimentos cotiáns.

5 días de recitais, concertos, representacións e accións poéticas que devolven a Vigo o amor e a emoción pola cultura menos comercial, nas diferentes formas e expresións que a poesía pode levar no noso tempo.

 

PROGRAMA

Xoves 3 outubro 2019

Galería Sargadelos

Urzáiz 17, Vigo

19:00 h.

Entrada gratuíta

Obradoiro Internacional de Tradución Poética

“Con Barqueira e Remador”,

coordinado por Yolanda Castaño

Adrian Grima / Malta

Manal Al Sheikh / Iraq

Arvis Viguls / Letonia

Itisha Giri / Nepal

Rui Cóias / Portugal

Gonzalo Hermo / Galicia

 

Ven 4 de outubro de 2019

Fundación Barrié

Policarpo Sanz 31, Vigo

19:30 h.

Entrada 5 € + impostos

Á venda en Eventbrite

Grupo Rompente:

Reixa, Romón e Avendaño / Vigo

Silvia Penas e Tamara Andrés / Galicia

Montenegro Fisher / Londres

Spiegel / Berlín

 

Sábado 5 de outubro de 2019

El Corte Inglés

Gran Vía 28, Vigo

Restaurante, 7º andar

19:30 h.

Entrada gratuíta

Rocío Cerón / Ciudad de México

Montenegro Fisher / Londres

Constance Hurlé e Rui Grenha / Vigo / Portugal

Proxecto Noctiluca / Santiago de Compostela

 

Radar

Iglesias Esponda 30, Vigo

21:30 h.

Entrada de 5 €

Venda de billetes

Lisbon Poetry Ensemble / Lisboa

Moloch / Pontevedra

 

Domingo 6 de outubro de 2019

La Taberna del Náutico

Rúa Avenidas 1, Vigo

13:00 h.

Vermú poético

Entrada gratuíta

Lúa Mosquetera / Santiago de Compostela

Samir Delgado / Canarias

Sonic Bubbles:

Rocío Cerón / Ciudad de México

  1. Alonso e D. Rodríguez / Porriño / Madrid

 

MICRO ABERTO

Ferry Vigo-Moaña

Porto de Vigo

17:00 h.

#poetryonboard

Recital de balde

Prezo: o billete de Ferry

Rocío Cerón / Ciudad de México

Samir Delgado / Canarias

Montenegro Fisher / Londres

 

O muro dxs poetas

Rúa Londres s/n, Vigo

19:00 h cerimonia de clausura

Inauguración da terceira parte da muralla.

Acción poética en cerámica de Sherni Kaur.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR