O Espantallo Amigo de Xosé Neira Vilas percorre Galicia

Categoría: Nova

O proxecto teatral e literario ideado por Os Quinquilláns e Editorial Galaxia a partir do Espantallo Amigo de Xosé Neira Vilas percorre a xeografía galega, con máis de 36 funcións en auditorios e teatros das catro provincias. Lalín, Carballo, Cangas, Silleda, Redondela, Ferrol, Ribeira, Vigo, O Pino, Compostela, Noia, Ponteceso, Salceda, Allariz, Ourense, Rianxo e Lugo son algunhas das localidades polas que pasará este clásico da literatura infantil galega que xa viaxou polos teatros de medio mundo e que aterra agora de novo nos escenarios galegos, acompañada dunha edición especial do libro que lle dá orixe.

A historia de xenerosidade ideada por Xosé Neira Vilas está contada, na versión teatral de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, polos nenos que no seu día conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos en home e muller, queren facer unha montaxe teatral que explique o sucedido. Acompaña a representación teatral unha versión impresa ilustrada por Xaquín Marín que o público leva consigo, para continuar os momentos de risa e reflexión vividos no patio de butacas coa lectura demorada na casa.

O proxecto ofrece un traballo transversal que lles permite aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas e que colleitou un grande interese entre o profesorado galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email