O alumnado do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo visita a Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Hoxe recibimos nas instalacións da editorial Galaxia en Vigo a un grupo de estudantes e profesores do Instituto arxentino galego Santiago Apóstolo de Bos Aires, que se atopan estes días facendo unha visita polas catro provincias galegas prestando especial atención a lugares claves da nosa cultura e institucións.
Nesta casa, estivo para recibilos o noso director de produción Xosé Manuel Soutullo, co que conversaron sobre a historia de Galaxia, autores claves como Xosé Neira Vilas, a importancia de Bos Aires como “capital do libro galego” na posguerra, e outras curiosidades acumuladas polos rapaces nos seus últimos días de viaxe. Tamén se fixeron abondasas referencias á ascendencia galega da maioría dos alumnos, e tivemos a ocasión de comprobar o seu dominio da nosa lingua e o seu coñecemento sobre os nosos persoeiros máis sobranceiros. E para rematar a visita, tiveron a oportunidade de seren guiados a través das nosas instalacións e ver de preto o proceso que segue un libro dende que o/a autor/a o escribe ata que sae publicado.
Ademais, a Editorial Galaxia agasallounos cun exemplar para cada un de Os nenos da varíola, a exitosa novela de María Solar sobre a expedición que levou a vacina da varíola a América. Pola súa banda, as alumnas e alumnos, e os seus profesores Santiago Tomás Hellers e Marina Cordeiro, deixáronnos un gravado do artista arxentino Néstor Goyanes e convidáronnos a visitalos de novo nas súas intalacións en Boas Aires.
Un gusto recibir estes falantes futuros e promotores da cultura galega no estranxeiro!

Comparte nas túas redes sociais ou por email