O 4 de maio coñeceremos a obra gañadora do Illa Nova 2019

Categoría: Nova

O vindeiro sábado 4 de maio darase a coñecer nun acto en Vigo o título da obra gañadora do Premio Illa Nova 2019.
Despois do éxito obtido polas dúas novelas gañadoras en 2017 e 2018, A vida sinxela de Marcelo Firmamento e Senlleiras, nun par de semanas un novo título sumarase ao palmarés do Premio Illa Nova, unha iniciativa coa que a Editorial Galaxia busca apoiar ás novas e novos escritores (menores de 35 anos) e colaborar á renovación do noso tecido literario incorporando ao noso catálogo voces inéditas ou pouco coñecidas ata o momento.
O acto do 4 de maio, que contará coa actuación musical de Su Garrido Pombo, terá lugar, como xa vén sendo habitual, na sede da Fundación Barrié (Policarpo Sanz, 31). Alí, faráselle entrega á gañadora ou gañador da presente edición dunha escultura conmemorativa, obra dunha artista tamén menor de 35 anos, e dos 3.000 euros que fornecen o premio.
Ademais, a obra gañadora será publicada na nosa colección Literaria e chegará ás librarías galegas nas semanas seguintes.
Agardámosvos o 4 de maio en Vigo para celebrar o talento mozo, a boa literatura e a festa grande da Editorial Galaxia!

Comparte nas túas redes sociais ou por email