Un libro de éxito, sen dúbida, e unha magnífica estrea para un escritor que comenzaba. A novela Ollos de auga non para de dar satisfaccións. Está a piques de esgotar a terceira edición en lingua galega e preséntase coma un dos acontecementos editoriais dos anos 2006-2007. O detective Caldas, o seu protagonista, e o seu axudante, o aragonés Estévez, xa forman parte do imaxinario da ficción galega. Para final de ano o autor anuncia unha nova entrega do que dende o primeiro momento se concibiu coma unha serie.

Ollos de auga foi traducida ao castelán e publicada por Editorial Siruela, que vai xa pola cuarta reimpresión. Recentemente demos conta das traducións contratadas noutros idiomas: ao alemán (Unionsverlag), ao italiano (Ponte Alle Grazie) e ao búlgaro (Ciela), e acabamos de recibir a noticia da súa publicación en inglés pola editorial Arcadia de Londres. Están en trámite posibles traducións ao catalán e ao francés.

Domingo Villar (Vigo, 1971) reside habitualmente en Madrid, onde traballa dende hai tempo como guionista de cine e de televisión. Tamén exerce a crítica gastronómica na SER e é colaborador de distintos medios escritos. Ollos de auga é a súa primeira novela, centrada na cidade de Vigo, cuxos ambientes e personaxes percorre con especial talento e cunha magnífica capacidade para o relato de acción, a construción dos personaxes e o ritmo narrativo.

O Premio Brigada 21, promovido pola asociación do mesmo nome, galardona todos os anos ao que considera o mellor libro publicado ou traducido ao castelán. Neste caso, Ollos de auga, escrito e publicado en galego, favoreceuse da tradución en castelán de Editorial Siruela. A Asociación Brigada 21 naceu para a difusión do xénero negro-policial e conta entre os seus socios a autores, editores, lectores, bibliotecarios, etc.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR