Novidades para o Día das Letras Galegas

Categoría: Nova

A voz do poeta volve resoar con forza coa publicación en Galaxia do poemario Do Courel a Compostela, un dos libros fundamentais de Uxío Novoneyra, no que se inclúen poemas que xa son símbolos da nosa cultura, entre eles "Letanía de Galicia" ou o "Vietnam canto". O libro, nunha coidada edición en tapa dura, inclúe un CD con gravacións do poeta courelao. A obra de Novoneyra reborda o texto escrito e pide o son da palabra, o seu ecoar no aire e no pobo. Gravacións emocionantes, entre elas as máis antigas conservadas de "Vietnam canto" e a "Letanía", rexistradas na casa natal do poeta no Courel, cun Novoneyra recitando apaixonado e sutil, desde o susurro que agarima a vida ao berro que denuncia, valente e vital.

Esta nova edición, ilustrada en cuberta coa obra O triángulo do Courel, de Reimundo Patiño, e no interior cos retratos de Novoneyra por Laxeiro e Lorente e as extraordinarias fotos de García Cabezón e de Gala, volve poñer de manifesto o fondo e inesquecible compromiso do poeta coa cultura galega e cos pobos do mundo. A voz de Novoneyra é xa inesquecible e inmorrente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email