O verán ten que ser tamén tempo de lecturas. As longas vacacións escolares (aínda que seguro que os cativos e mozos non as ven tan longas) permiten ter tempo para todo, tamén para ler.
Dentro da produción recente da nosa Editorial para estes chanzos de idade, publicamos hai pouco, na colección Árbore 12 anos, o libro de Marica Campo, 'Noutra dimensión'. A historia artellada pola premiada autora galega céntrase en Cidre, un neno que se convirte en vento. Unha histora de maxia e misterio e, sobre todo, de aventuras.
Para o lectorado mozo, tiramos do prelo, en tradución de Ramón Nicolás, un novo texto de Jordi Sierra i Fabra, un dos autores máis lidos no mundo. Con 'A modelo descalza', Sierra i Fabra aborda asuntos complicados como son os dos transtornos alimentarios e a tiranía da imaxe perfecta, nunha historia de intriga que levará a un famoso reporteiro a tentar aclarar un asasinato do que é acusado unha antiga noiva e agora top-model mundial.
Dous relatos vibrantes e actuais para quen queira, diante da ausencia de sol, alumearse por dentro cunhas boas lecturas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR