Novidade editorial: As lembranzas perdidas no lago Antelväri

Categoría: Nova

Estes días, chegaba ás librarías galegas As lembranzas perdidas no lago Antelväri, a novela xuvenil coa que Xosé Duncan se incorpora ao catálogo de Galaxia a través da colección Costa Oeste. Unha novela de misterio e fantasía que lembra a moitas das series de adolescentes que levan enganchando xeracións de mozas e mozos den os anos 80.
As lembranzas son o que nos define, son a equipaxe que imos reunindo ao longo das nosas vidas e a peaxe que entregamos cando cruzamos a derradeira porta. Nas beiras do lago Antelväri vive un vello que non quere lembrar, que desexa borrar as feridas infrinxidas polo percorrer dos anos. Porén, a vida é un río de augas revoltas, que nos empurra até a desembocadura da Morte. Ás veces, canto máis queremos fuxir, máis caemos no pozo dos nosos medos. Para o vello Olavi o final está marcado nas profundidades do lago, alí onde moran os seres de luz, onde a aurora boreal mergulla as súas brillantes cores até fundilas coa escuridade que vén de alén das estrelas.
Xosé Duncan (Taragoña – Rianxo) achegouse por vez primeira ao mundo da escrita pola xanela que lle ofreceu o proxecto Contos Estraños. Aí colaborou con numerosos relatos desde 2012 até 2015 e publicou a triloxía de fantasía épica As crónicas de Bran. Tamén se achegou ao xénero de terror coa novela curta Hostal Norte e á distopía coa crítica social e política na futurista cidade de Negruña. Quedou finalista en 2016 na segunda edición do certame de Literatura Fantástica
Antón Risco coa obra Os soños da Deusa Nai e do Deus Tolo. Na actualidade alterna o traballo como informático coa creación de máis literatura fantástica e a coordinación da revista Contos Estraños.

Comparte nas túas redes sociais ou por email