Chega ás librarías galegas estes días a primeira novela de Abel Tomé: A noite do corvo.

A noite do corvo conta a historia do tenente Gonçalves e dos seus axudantes: Pietre, un home solitario cunha obsesión enfermiza polo sexo, e Lúa, exemplar e inocente, obrigada a coidar dun pai enfermo. Os tres enfrontaranse á hostilidade da illa de Gothard, unha vila ancorada nunha sociedade con resaibos do medievo, cunha mitoloxía propia e un goberno todopoderoso representado polo chanceler Aindan Faol. Velaquí a renovación do xénero policial galego a través dun autor que bebe tanto de fontes literarias xenuínas —os títulos dos capítulos son versos do Canto de min mesmo de Whitman— coma dos subxéneros narrativos despois trasladados aos seriais televisivos. Cun espazo mítico propio, a illa de Gothard, e con referencias claras á realidade actual: a cidade de Beth, unha urbe na que o luxo e o diñeiro do centro lle vira as costas aos barrios degradados da periferia. Coma nos inicios da novela negra norteamericana, Abel Tomé tampouco descoida a crítica social e aproveita a ucronía e a distopía para que esa crítica sexa máis efectiva, de maior alcance.

Catro persoas mortas. Todos membros da mesma familia. Habitantes da casa do faro na Illa de Gothard. Trátase da familia Haggerty, que aparece brutalmente asasinada. Gonçalves tentará resolver o crime. Xunto a el, Pietre e Lúa. Os tres enfrontaranse á hostilidade da Illa de Gothard e do goberno do todopoderoso Aindan Faol. O dilema da novela sitúa o seu protagonista entre a moderna Beth e a arcaica Gothard. Beth é a segunda letra do alfabeto fenicio e do hebreo, segue a letra aleph (anatema) e simboliza a idea de dualidade e diversidade na Creación. No idioma fenicio, o seu significado era “casa” e seica por acrofonía está derivado do pictograma dunha casa. Gothard, pola súa banda, é un nome con claras reminiscencias medievais e xermáticas, derivado de “godo”, que na novela de Tomé actualiza a gothic fiction, subxénero que en literatura combina ficción e horror, morte e, ao tempo, romance (“romance” é unha das denominacións da novela como xénero). O tenente Gonçalves debaterase entre ambos os mundos procurando dar resposta ao crime da Casa do Faro sen deixar atrás un recordo que o fai pendurar perigosamente do fío da existencia.

ABEL TOMÉ (Outes, 1984) é graduado en xornalismo. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi gañador do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía. Actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. A noite do corvo é a súa primeira novela publicada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR