Falar de Neira Vilas é falar da infancia de media humanidade. Ou case. É, sen dúbida, un dos escritores máis sobranceiros do noso país. Nacido en Vila de Cruces en 1928, a súa vida e a súa obra está marcada pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e en Cuba. Dese sentir nace 'Memorias dun neno labrego', un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Fillo de labregos, Xosé Neira Vilas traballou nas faenas do campo ata que en 1949 emigrou á Arxentina. Esa forte vinculación co agro marcarán a súa vida, a súa personalidade e a súa ampla obra literaria. Neira Vilas débelle parte da súa popularidade a 'Memorias dun neno labrego'. En 2011 cúmprense 50 anos da súa publicación. Como anécdota, conta que cando foi escrito o libro na Argentina "botabamos man dun Diccionario Etimolóxico da Lingua Portuguesa para establecer as pautas á hora de escribir en galego".
"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así arranca a historia que cativou a varias xeracións de nenos. Xosé Neira explica que aquel rapaz non existiría hoxe en día. "Daquela pasábase frío, comíase pan de broa -e non abundante-, vestiamos con remendos, camiñábase con zocos por camiños de lama e axudábase aos pais na casa", conta. Agora é distinto, non hai tanta necesidade, "pero dubido que sexan máis felices. Antes eramos máis vitais e inventabamos xogos para divertirnos". Neira cre que a novela segue tendo moi boa acollida hoxe en día "porque está escrito de maneira sinxela. Hai referencias á familia e atopamos a un can que gosta a calquera idade".
Galaxia réndelle homenaxe a este home falador e agarimoso pola súa condición de clásico. A este xenio da literatura pegada á terra. Pegada ao país. Para iso crea unha Biblioteca de Autor co seu nome, a primera que se dedica a un escritor vivo.
Xa está publicado o primeiro título: 'Memorias dun neno labrego'. En breve, 'Cartas a Lelo'. Do primeiro, publicarase unha edición especial a principios do próximo ano con ilustracións de Xaquín Marín.
A historia de Balbino tamén está nos escenarios baixo o título 'Memoria de Memorias do neno labrego', unha obra de teatro de Cándido Pazó.
'Cartas de vellos amigos' é outro dos libros que o autor xa ten publicados na editorial. Nel atopamos a correspondencia de xente como Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Paz Andrade, Díaz Pardo, Manuel María… Son máis de 300 cartas que lle escribiron ao seu amigo Xosé dende o ano 1959 ata 1998. É a historia viva daquela época. Un documento extremadamente real porque "cando escribes unha carta nunca pensas que vai ser publicada e un é máis honrado, máis directo, máis franco, máis aberto".
Pero a obra de Neira Vilas non é pasado. "Escribir é algo esencial. A miña razón de vivir". Este veciño de Vila de Cruces explica que ten escrito na antesá do dentista, no metro, na casa,… Engade que "non paro. Escribo, escribo e escribo". Faino a máquina, nunha Olivetti portátil. E para explicar esta adicción saudable apunta a frase dun amigo: "Cando a tinta se mete no sangue xa non pode saír".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR