Neira Vilas, Medalla de Ouro de Galicia 2015

Categoría: Nova

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o pasado martes que o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se lles concede a Medalla de Ouro de Galicia a Xosé Neira Vilas, Manuel Sánchez Salorio, David Cal e ao xornalista Enrique Beotas, creador da Sexta Provincia. "Son catro persoas que contribuíron e contribúen a facer unha mellor Galicia", dixo Feijóo.

Tal e como recordou o presidente, "trátase do máximo recoñecemento que Galicia lle fai a exemplos a seguir, un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra á nosa terra". Serán entregadas o vindeiro día 24 de xullo.

Xosé Neira Vilas é un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea. "Foi para moitos de nós o primeiro paso no mundo da literatura galega —recoñeceu Feijóo— coas súas inesquecibles ‘Memorias dun neno labrego’". Emigrado durante 43 anos, primeiro en Arxentina e despois en Cuba, Neira Vilas seguiu retratando a vida no rural galego desde unha perspectiva infantil con "Cartas a Lelo" e "Aqueles anos do Moncho" e desde un ollar adulto con obras como "Xente no rodicio" e "Querido Tomás". Tamén é un destacado cronista da emigración, con volumes como "Camiño bretemoso".

Volveu a Gres, a súa aldea natal, en 1994. Hoxe segue publicando , "e recentemente recompilou as historias dun centenar de galegos emigrados en ‘Semente galega en América’", dixo o presidente. Tamén trata de impulsar a cultura galega desde os máis pequenos ata a formación universitaria a través da Fundación Xosé Neira Vilas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email