Najla Shami, Premio Martín Códax da Música por “Ela sabe a sol”

Categoría: Nova

A artista Najla Shami vén de gañar os prestixiosos Premios Martín Códax da Música, na categoría de Músicas do Mundo, polo seu libro-disco Ela sabe a sol. Trátase dos galardóns máis cobizados do mundo musical galego, dada a súa altísima calidade.
O Pazo da Cultura, en Pontevedra, acolleu onte a gala na que Shami foi premiada polo seu fermoso traballo. Esta é unha obra singular que aposta pola mestizaxe, dende o galego, mais tamén con temas en castelán e árabe. Ela sabe a sol é un libro-disco de fermosa contaminación cultural que nos ilumina. Un facho de luz brillante que nos asolaga e que, onte, obtivo o seu recoñecemento.
Este non é o seu primeiro traballo publicado na Editorial Galaxia, precédeo o espléndido libro-disco Na lingua que eu falo, un agasallo para o corazón na que canta a Rosalía de Castro.
A premiada Najla Shami, dende moi pequena cultivou o seu interese pola música, afección que lle vén de familia. Con nove anos comezou os seus estudos no Conservatorio de Ourense, centrándose na voz, a guitarra e o piano. Aos 17, e da man de Ramón Bermejo, entrou a formar parte de ‘Fía na Roca’. Ao longo da súa formación, ten feito moitos cursos de improvisación musical en distintas partes do mundo, o que completa o seu traballo, nos directos, de versátil compositoria. Jazz, funk, batucada… nada escapa ao seu traballo e ao seu interese. Onte, recollía o Martín Códax en compaña da súa mánger, Inés Portela.
Os Premios Martín Códax da Música están promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo. Nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email