Nace a primeira Escola de Letras de Galicia

Categoría: Nova

Nace a primeira Escola de Letras de Galicia da man da Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra.
Francisco Castro: “É un luxo ter unha Escola con dobre localización en Vigo e Pontevedra. Será un lugar para soñar a través da palabra”
Carmela Silva: “Este lanzamento é un soño cumprido que volve converter esta provincia nunha referencia, e unha nova aposta pola cultura como necesidade vital”
“Tod@s temos unha historia que contar”. Baixo este lema como sinal de identidade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentaron hoxe a que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das poucas existentes no Estado, “a primeira que nace coa potencia dun apoio editorial”, como ambos sinalaron na rolda telemática, en que tamén participou a deputada de Cultura Victoria Alonso.
“Falamos dun proxecto en que a Deputación e Galaxia levamos traballando case un ano”, subliñou Carmela Silva, que definiu este lanzamento como “un soño cumprido que converte esta provincia de novo nunha referencia”. “É unha idea marabillosa, dixo, que apoia directamente as escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón”. Carmela Silva incidiu no refuxio seguro que foi a literatura no confinamento, e sinalou que “agora, fronte ao ruído que non achega nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital. Deixemos a palabrería e déamoslle sitio á palabra”. A presidenta da Deputación, asegurou que “esta Escola supón o pracer de usar a palabra como instrumento de comunicación individual e colectivo, e non é unha idea efémera, a Escola chega para crecer e permanecer”.
Pola súa banda o director de Editorial Galaxia, Francisco Castro, amosou a súa ledicia por sacar á luz “a Escola de Letras, un proxecto novidoso e único a nivel galego e estatal, porque non existe nada así”. Castro agradeceu á Deputación “a súa complicidade coa cultura o que nos axuda a materializar proxectos como este que contribúen a transformar a realidade”. O director de Galaxia, subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar “as súas historias” e “converter en literatura as súas vidas”. “O único requisito marcado para participar, dixo, é ter amor pola palabra e a literatura”. Castro, que definiu o proxecto como moi ambicioso, “pretende transformar a realidade. Será un lugar para soñar a través da palabra”.
O director de Galaxia detallou que a Escola de Letras da Deputación terá unha dobre localización nas sedes provinciais de Vigo e Pontevedra e contará cunha oferta formativa dun gran poder lúdico que unirá literatura e pracer, e que permitirá ás persoas asistentes gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada. Ademais, estará aberta á participación de calquera persoa interesada, a partir dos 16 anos, xa que o alumnado non terá que ter coñecementos previos de ningunha clase e recibirá todo o material na propia Escola. A súa posta en funcionamento terá que adaptarse aos tempos e medidas que vaia marcando a evolución da pandemia da Covid-19, xa que o cronograma previsto para o comezo tivo que reformularse pola crise sanitaria. “Se as autoridades sanitarias o permiten, o primeiro obradoiro, sobre escritura creativa, terá lugar na segunda quincena de xuño en Vigo e, posteriormente, a Escola continuará o seu curso en setembro, con ata 9 obradoiros más repartidos entre Vigo e Pontevedra”.
A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, cun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores. É dicir, “unha formación personalizada porque queremos que escriban”, impartida por autoras e autores de dilatada traxectoria, primeiras espadas da literatura galega e con experiencia na dirección para todos os chanzos de idade. Así, a acción da Escola gravitará arredor destes obradoiros literarios en ambas as sedes da Deputación. En Vigo impartirase o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o de Poesía de Perfeccionamento e o Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico.
A acción da Escola de Letras tamén se desenvolverá a través de encontros con profesionais do mundo do libro, ou da realización de recitais con público onde dar a coñecer o froito do seu traballo. Ademais, publicarase un libro dentro do catálogo de Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante. “O importante, sinalou Castro, non é só crear, senón tamén sacar á luz esas creacións”. Igualmente, a Escola ten tamén o seu logotipo con tipografía propia, “un logotipo que foi feito pensando na idea da felicidade que transmite a literatura e que expresa o concepto do bo rollo”. Tamén se traballará na presenza nas redes sociais a fin de crear comunidade, e como ferramenta de comunicación continua entre as persoas participantes antes, durante e despois da actividade, así como co conxunto da cidadanía. Falamos, polo tanto dun proxecto novidoso que apoia e fomenta a cultura na súa vertente máis literaria e que pretende darlle á ao conxunto da poboación unha oportunidade para fomentar a imaxinación e o gusto pola literatura, cunha axuda dirixida para que sexan quen de crear textos literarios propios.
Para as persoas que estean interesadas en participar, a partir deste xoves, 21 de maio, Galaxia habilitará unha conta de correo para que poidan formalizar a súa solicitude, que será atendida por rigoroso orde de entrada.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email