Estes xoves, 14 de decembro, ás 12:30h, tivo lugar na Casa do Concello de Redondela a presentación aos medios do novo Premio Viadutos de Novela, convocado polo Concello de Redondela e a súa Concellería de Xuventude, e organizado pola Editorial Galaxia. Con este premio o Concello de Redondela decide apostar unha vez máis polo apoio e fomento da creación e a publicación en lingua galega.

Deste xeito, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba neste 2017 a súa decimosétima edición, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos), convértese nun premio de novela que buscará tamén o talento senlleiro e que non esquece a súa orixe, nin tampouco o seu referente: os viadutos ferroviarios, que desta volta se integran nun deseño gráfico novidoso e rompedor.

Poderán participar no Premio Viadutos aquelas autoras e autores maiores de 18 anos que teñan unha novela inédita que supere as 100 páxinas. O premio está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. O prazo para a recepción de orixinais estará aberto ata o 30 de marzo de 2018 e o fallo darase a coñecer no mes de maio. A entrega do premio terá lugar no Concello de Redondela coincidindo coa presentación da obra premiada.

Materiais para descarga: Bases e Cartel.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR