Hoxe, co gallo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, presentouse á prensa no Concello da Pobra do Caramiñal o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Alí estiveron, para acoller este lanzamento, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, e o reponsable de comunicación e coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia, Ismael Ramos.

Convocado polo Concello da Pobra en colaboración coa Editorial Galaxia e Barbantia, o Premio Carlos Mosteiro nace con dous obxectivos fundamentais: honrar a figura do escritor finado o pasado xullo de 2017 e fortemente vencellado á vila do Barbanza, á súa actividade e á difusión da LIX; e tamén como unha aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo.

O premio, destinado a obras para un público de  entre 3 e 12 anos, está dotado con 1.500 euros e a publicación no outono de 2018 da obra na colección Árbore desta Editorial. O prazo para a recepción de orixinais remata o 2 de maio e o fallo darase a coñecer a inicio do mes de xullo.

Proximamente poderás consultar as bases na nosa web.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR