Publicada en colaboración coa plataforma Phottic, o primeiro volume da colección recolle fotografías da vila de Carballo entre 1900 e 1980

Carballo na memoria foi o título escollido para inaugurar a colección Daguerrotipos de Galaxia, un novo proxecto co que a Editorial pretende contribuír a salvagardar a memoria fotográfica de Galicia. Realizado en colaboración con Phottic, unha plataforma online cun amplo repositorio e arquivo histórico de fotografía galega, este primeiro volume céntrase na vila de Carballo e na súa historia entre 1900 e 1980, un amplo período de tempo onde, quen se achegue ao libro, poderá comprobar como os fotógrafos, profesionais e afeccionados, recolleron a transformación do lugar: urbanística, paisaxística, demográfica… Ao tempo que axudaron a preservar a memoria dos seus habitantes e o espírito dos lugares.

Carballo na memoria estivo coordinado polo historiador Xan Fraga Rodríguez, e enmárcase nun proxecto maior para a recuperación da historia fotográfica do concello dun xeito colectivo e colaborativo, onde son as xentes as que achegan o seu saber sobre as imaxes e o amosan nas moitas accións realizadas na súa web www.carballonamemoria.org.
O volume presentarase mañá, ás 20:00h, dentro da programación da Praza dos Libros de Carballo, onde Fraga Rodríguez estará acompañado por Evencio Ferrero, alcalde de concello, Manuel Pan, responsable de Phottic, e Xosé Soutullo, responsable de produción da Editorial Galaxia. Para quen non poida asistir, o autor estará tamén o vindeiro domingo, 8 de xullo, ás 12:30h, asinando exemplares.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR