O novo libro de Haruki Murakami, titulado Do que estou a falar cando falo de correr, sae en galego publicado por Editorial Galaxia. A tradución, feita directamente desde o xaponés por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martinez, estará nas librerías galegas primeiro ca edición en castelán, tal como aconteceu con Tras do solpor, a súa novela anterior. Neste novo libro Murakami relata as súas experiencias como corredor de maratóns e o seu traballo como novelista. O título é unha homenaxe ao escritor norteamericano Raymond Carver, de quen é tradutor para o xaponés.

En 1982, tras deixar o local de jazz que rexentaba e decidir dedicarse a escribir, Haruki Murakami tamén comezou a correr. Despois de participar en ducias de carreiras de longa distancia e en triatlóns, o novelista reflexiona en Do que estou a falar cando falo de correr sobre o que significa para el correr e como esa afección influíu na súa maneira de escribir.

Libro de viaxes, relato dos maratóns nos que participou e, ao tempo, tamén reflexión sobre o oficio de escribir e sobre a paixón de correr, neste libro Murakami conta os adestramentos realizados durante catro meses para participar no maratón de Nova York, o desafío que para el supuxo correr en solitario os 42 km que separan Atenas da vila de Maratón ou as súas carreiras diarias á beira do río Charles, en Boston, mentres daba clases na universidade. Neses momentos de cansazo e tamén confianza en si mesmo, de soidade, acompáñao sempre a súa afección pola música e unha abraiante capacidade, agudizada polo esforzo físico, para a observación de todo o que o rodea.

Do que estou a falar cando falo de correr é un libro no que ao relato da súa vida cotiá como escritor se une, como en toda a obra anterior do escritor xaponés, unha constante reflexión sobre a vida e o paso do tempo, sobre a súa experiencia de corredor logo de facer os cincuenta anos, reflexión que non impide que a narración avance, todo o contrario, enriquécea ao descubrir aspectos da realidade que adoitan pasar desapercibidos. Lectura reveladora, velaquí un libro diferente dun escritor certamente singular.

HARUKI MURAKAMI (Kioto, Xapón, 1949) foi profesor de literatura xaponesa na Universidade de Princeton e tradutor de Scott Fitzgerald, John Irving e Raymond Carver. Entre as súas novelas máis coñecidas cómpre citar Norwegian Wood (1987) ou Kafka na beiramar (2002). En galego, publicouse a súa última novela, Tras do solpor (2008).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR