“Non busco un lugar para morrer. Non son Nathan Glass, o personaxe de Auster. Busco un lugar no que acougar, no que determe un tempo e acougar, renacer sabida, como nacen as crías das golfiñas, sandar feridas e atopar un camiño” (p. 80). Este pensamento que Alma, a protagonista da novela, deixa no seu caderno-diario, será coma o fío de Ariadna, que nos guiará dende a sombra, cerne do labirinto, ata a súa liberación. Sombra que xa anticipada o autor no seu libro de poemas Bater de sombras (Espiral Maior, 2010): “Un alento escuro / ás veces vibra / na imprecisión das sombras” (p. 9).

En Alma e o mar, a nova novela de Francisco X. Fernández Naval, está presente o amor e a amizade, mais tamén a ferida, a humillación, a escravitude, a dor e a violencia.

Alma é unha muller que escolle un pequeno pobo da Costa da morte para afastarse dunha paixón amorosa por un home con quen mantivo unha relación baseada no BDSM en Nova Iorque. Nese novo espazo atopará a amizade, pero baterá de novo coa sombra e o pasado, e deberá enfrontarse ás distintas violencias que sofre a muller, incluída á morte.

Na novela hai unha dualidade espacial e temporal. Dous lugares divididos por un inmenso océano, o mar, referencia lírica en toda a obra. Un é Galicia, Agrovello, pequeno pobo mariñeiro da Costa da morte a onde se trasladará Alma para sandar as súas feridas, acougar, repousar e renacer; un refuxio acuático que deixará amais un pouso de contradicións e novas emocións.Tamén en Galicia, en Ourense está a nenez e adolescencia, a amizade máis forte, e o inicio nunha sexualidade que transgride a norma. Outro é América, nomeadamente Nova Iorque e California, onde coñeceu a liberdade e a escravitude, o amor e a humillación. O transitar entre os dous espazos e tempos non é lineal,  a narración ten continuos flashbacks. Agrovello e Ourense son espazos ben coñecidas polo autor, que nos acompaña a través dun mundo máxico de lendas e tradicións, lugares minuciosamente descritos, especialmente o primeiro, con páxinas de gran riqueza léxica: flora, fauna, microtoponimia ou artes de pesca. Vénnos á memoria, nestas descricións o seu libro de poemas Mar de Lira.O autor, nunha entrevista realizada por X. H. Rivadulla Corcón para o blog As escollas selectivas afirmaba: “escribo dende as paisaxes nas que algunha vez sentín algo que definiría como plenitude ou felicidade. Unha desas paisaxes, ao pé dun río, pertence á infancia. A outra é un agasallo da vida, deitada rente ao mar, diante de Fisterra.” Velaí as paisaxes da memoria galega de Alma.

O texto articúlase en doce capítulos, estruturados cada un deles en dúas partes: narración do autor e diario de Alma. Unha narración omnisciente, en terceira persoa relata o que ocorre dende dos ollos da súa protagonista, Alma.Psiconarración na que a voz de Alma se confunde coa do narrador (autor). “O caderno de Alma” está relatado en primeira persoa pola protagonista, a modo de diario. Son estruturas similares ás utilizadas noutras das súas novelas e relatos, en “A noite branca” cada capítulo estaba precedido por unha carta, e introducía ademais longos monólogos en primeira persoa, en voz feminina, a de María Luísa. Ou no relato “A vida secreta de L.” (Para seguir bailando), alternaban tres monólogos, un deles un diario.

Estamos ante unha novela na que se cruzan outros xéneros literarios: poemas do autor dende a voz de Ofelia; poemas de autoras e autores externos (Eva Veiga, Ana Romaní, Marge Piercy, Mark Strand…); diario, ”O caderno de Alma”, que á súa vez insire un guión cinematográfico, introducido dentro do propio caderno.

Existe un paralelismo moi marcado entre Alma e o mar e o  seu último libro de poemasBater de sombras, coinciden tema, simboloxía e metáforas; a sombra que abate a Alma, dende o máis íntimo das emocións é a sombra que inocula os poemas. Algunhas destas referencias son sutís e outras máis explícitas: o tigre vermello, posses (dominar, posuír, controlar), o anxo negro, as perdas,  as snuff movies, as cordas, o sangue, o mar e as aves. Se ben nos poemas non había liberación, senón desacougo, na novela hai unha esperanza, non exenta de perdas e dor. Vemos así que as cordas están nos poemas, e están na novela. En Bater de sombras sempre con referencia ao bondage, porén, na novela, eses nós shibari – bondage (no Armony Center ) se desfán serán “cordas de palabras” para liberar a Ofelia, “cordas musicais” no cello de Nora ou as cordas para amarrar a barca de Hilario ás rochas. Vemos algo similar nosangue, en Bater de sombras sempre está relacionado coa crueldade, a dor, ou a morte; aquí, o sangue é sangue do sacrificio e de morte, pero tamén é o sangue menstrual, que deixa de ser tabú nos poemas de AnneSexton ou se dilúe no sal do mar, no parto das golfiñas (vida), ou “sangue de dragón que sacaba o mal das sombras” (p. 24). Hai un léxico común que se repite nas dúas obras: silencio, ausencia, posesión, sombra, memoria, baleiro, alento, escuro, espello, máscara, insomnio, culpa, dúbida ou condena.

A novela parte dun tema pouco tratado na literatura galega, fóra do xénero erótico, o BDSM (Bondage e Disciplina, Dominación e Submisión, Sadismo e Masoquismo), que o autor describe explicitamente nas relacións sexuais dos seus protagonistas. Esa sexualidade subversiva para a sociedade actual leva á súa protagonista a sentir emocións encontradas de desexo e culpa, especialmente ao sentirse traizoada e humillada. O autor traslada esta submisión á que outorga a sociedade patriarcal á muller. O tema, ademais de en Bater de sombras, xa estaba no seu relato A vida secreta de L., no que introducía rituais sexuais e fetichismos relacionados co BDSM: “Gústame cando me atas ao leito, nunha extremidade a cada a cada esquina e me cobres os ollos coa cinta negra […] inicias o ritual de posesión […] sei que son para ti coma unha ofrenda […] e deixo que me segas buscando, aínda que sufra […] es ti quen determina o principio e o final do xogo” (p. 54-55).

Fernández Naval adoita introducir elementos metanarrativos, transversais ben documentados á historia central da novela. A profesión de Alma serve para coñecer o mundo da industria cinematográfica, achegarnos a algunhas das obras mestras do cine, a directores, actores e actrices. O cine é unha constante na novela como tamén o é nas obras do autor (Historias roubadas ou A noite branca), e neste caso é incluso pretexto para o nome da súa protagonista, tomado de Alma Reville, a dona de AlfredHichckok. Pero non será o cine a única referencia transversal, a literatura, a música, a arte, especialmente de mulleres, abonda nas páxinas (Elizabeth Bishop, Anne Sexton, VirginiaWoolf, Gioconda Belli, Rosalía de Castro, Fanny Mendelson, Alma Mahler, Clara Wieck, Camile Claudel, Evelyn de Morgan, Terry Berkowitz ou Maruja Mallo, son só algunas das mencionadas). Aínda que tamén hai referencias a autores, como Mark Strand, Cunqueiro ou Paul Auster.

Hai unha intención moi marcada de reivindicar o papel da muller na sociedade, na literatura e na arte, darlle visibilidade. A violencia exercida polo home e a sociedade patriarcal sobre a muller é unha constantena novela, sófrea Alma, pero tamén Ofelia, Herminia, Anida, Mandison ou Isidora. E sufrírona tamén Antígona, Medea, Casandra ou Lupa, esta última “sometida non a unha violencia, si as violencias todas” (p. 172). Sobre Lupa, Alma comezará un guión, que o autor aproveitará para achegarnos á súa lenda, ofrecéndonos datos bibliográficos e documentais.

Ata esta novela, non había un papel protagonista da muller nas obras de Fernández Naval, se ben, en case todas elas existe unha reflexión sobre o abuso sobre a muller, a violencia exercida polo home e a sociedade.

Outros temas na novela son o mundo da pesca, a emigración e o narcotráfico. Este último ofrécenos esa dose de suspense e novela negra que adoita aparecer na súa obra narrativa anterior.

O texto está escrito dende a emoción e os sentidos, cunha prosa sumamente poética e de gran riqueza léxica.Abondan as descricións minuciosas da natureza e dos personaxes. Ás  veces o mar chega a invadirnos co seu recendo a través das páxinas. Ulimos os peixes, sentimos a calor dos corpos cando se apertan, a humidade na pel, a humillación ouos ollos que esculcan o noso corpo cando durmimos.As frases curtas e rápidas axudan a manter a tensión ata o desenlace, nun ritmo case cinematográfico, relato exterior  e relato interior conviven nunha amalgama perfecta.

Poderiamos falar dunha “escrita feminina” en Alma e o mar?. Prende en nós o berro de Alma, de Ofelia, a súa paixón. Como diría Helene Cixous (La risa de la medusa, 1995), é unha escrita subversiva e volcánica, que voa, o que ela identifica con “práctica feminina da escrita”: “trénzanse escrita e voz”, o texto está “escrito co corpo”.  As súas protagonistas femininas son bravas, afoutas, arriscadas, loitan, falan da súa sexualidade sen barreiras, son quen de transgredir as normas, pero ao mesmo tempo están cheas de tenrura e sensualidade, procúranse, aloumíñanse, entréganse. Entre eles establécese unha complicidade e un pacto. Para Cixous existe unha escrita con identidade feminina, aínda que non é unicamente propia da muller.Esta teoría é similar en Luce Irigaray (Sexes and genealogies, 1993), Julia Kristeva (Revolution in poetic language, 1984).En Galicia, Teresa Moure (A palabra das fillas de Eva, 2005) tamén estuda a identidade feminina na literatura, discurso que máis adiante retomará e revisará seguindo a teoría Queer (Queer-emos un mundo novo, 2012). Todas elas coinciden en asignar unha serie de características a ese tipo de escrita, identificable ou non co sexo de quen a escribe, e que pasan por a liberdade na escrita, escribir dende a paixón e os sentidos, e a utilización dun léxico que se libera do xugo falocéntrico. Así escribe Fernández Naval nesta novela, sentindo, como Alma, Ofelia ou Lupa, todas esas violencias, e empregando un léxico espido de todo convencionalismo patriarcal.

Todo isto transmítese á descrición dos personaxes, a complexidade dos femininos, insistindo nas emocións, moito máis que no seu aspecto externo. Alma, Ofelia, Brenda ou Silvia veñen precedidas por outras mulleres das súas obras: María Luisa (A noite branca), Encarnación (O bosque das antas), Belinda (Historias roubadas) ou Marta (Sombras no labirinto). Elas son tamén mulleres feridas polo amor, mulleres bravas, afeitas a loitar nun mundo de homes. Contrasta a descrición dos personaxes femininos coa damaioría dos personaxes masculinos, neles a atención está no seu aspecto exterior, xa que carecen de emocións e contradicións. Eles viven nun mundo de fachenda e covardía, son “pura testosterona”, seres que tentan ser dominantes pero a súa actitude final é covarde (Jonhatan, Arnaldo, Charli, PaulHenri). Fóra do grupo están Mark, Stefan, Cibrán e Hilario, son os “amigos comprensivos […] os benqueridos homes” aos que alude Teresa Moure en A palabra das fillas de Eva, con quena protagonista establece conexións de complicidade, non seguen eses costumes machistas ou falocéntricos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR