Milleiros de alumnas e alumnos gozaron das obras de María Victoria Moreno no teatro

Categoría: Nova

Nos últimos meses, foron milleiros e milleiros as rapazas e rapaces que ateigaron os teatros, salas e auditorios de Galicia para asistiren a algunha das dúas representacións teatrais sobre María Victoria Moreno coproducidas por Galaxia. Deste xeito, puidéronse achegar nun formato novidoso a dúas das obras máis coñecidas da autora homenaxeada no día das Letras Galegas deste 2018: Leonardo e os fontaneiros, en adaptación de Ubú Teatro, e Anagnórise, na libérrima versión de Limiar.
A campaña, deseñada dende a Editorial, inclúe un exemplar da obra representada para cada alumno/a. Deste xeito, o alumnado crea primeiro a súa propia perspectiva respecto da novela: imaxina personaxes, xulga actitudes, extrae conclusión. Logo, a través da adaptación teatral, ten a oportunidade de establecer un diálogo entre a súa versión da obra trala lectura e a que lle ofrecen Limiar ou Ubú Teatro. Así, foméntase a lectura crítica e compartiva dos textos, ademais de conducir ao alumnado a ver as conexións entre as distintas linguaxes artísticas e animalos a seren futuros espectadores e espectadoras do noso teatro.
Polo de agora, son preto de 70 as localidades que xa viron cobrar vida sobre as táboas ao can Leonardo, ou se sorprenderon coa posta en escena da carrocería do coche omnipresente en Anagnórise. Entre as paradas no camiño: Vigo, Rianzxo, Ribadumia, Pontevedra, O Rosal, Tui, Silleda, Cambados, Moaña, Ponteareas, Burela, O Porriño, Ordes, Noia, Ribeira, Cee, O Barco de Valdeorras, Porto do Son, Ourense, Santa Comba, Allariz, A Coruña, Marín, Portas, Lugo, Soutomaior, Redondela, Bertamiráns, Valga, Culleredo, Mos, Brión, Lalín, Pontecaldelas, Cangas, Bueu, Ferrol, Oleiros, Forcarei, Nigrán, Cerceda, Vimianzo, Vilalonga, Viveiro, Ribadeo, Santiago de Compostela, As Ponte de García Rodríguez, Viana do Bolo, Arbo, Moraña, Vilalba, Foz, O Grove, Cambados, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Meis, A Guarda, Rodeiro, Baiona, A Lama, Mondariz, Vilaboa, Salceda ou Viladecruces.
E así, seguimos espallando a palabra de María Victoria Moreno, o seu amor pola nosa lingua!
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email