Miguel Sande gaña o Premio de Novela Manuel García Barros 2016

Categoría: Nova

Hoxe na Estrada fallouse o Premio Manuel García Barros de Novela que organiza o Concello e que publica como cada ano a Editorial Galaxia. O gañador resultou ser o novelista Miguel Sande coa obra 'A candidata'.
O xurado, composto por Inma Otero Varela, Carlos Lema, Armando Requeixo, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro, como secretario (todos na fotografía), destacou que é unha novela que posúe un discurso narrativo intenso, moi traballado e de andadura sintáctica cortante e abrupta. Temas e personaxes resultan de absoluta modernidade, son figuras degradadas ata o subsolo máis destrutivo -autodestrutivo- da condición humana.
Estamos diante dunha novela de impacto, existencialmente ferinte, afastada de calquera mirada politicamente correcta. Unha lectura sobre o ámbito humano obsesivo, habitado por medios seres, cruel e desesperanzado.
A novela será publicada logo do verán pola nosa editorial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email