Miguel Barros presentou onte o seu esperado libro (en dous volumes) RAMÓN PIÑEIRO E A REVISIÓN DO NACIONALISMO. Estivo acompañado neste acto por Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Xosé Ramón Quintana.
A obra de Barros revélase como un texto esencial para entendermos en todas as súas dimensións unha das figuras esenciais do galeguismo do século XX.
No primeiro dos volumes, titulado 'Pensamento', Barros achégase ás concepcións filosóficas de Ramón Piñeiro que resultan do esforzo hermenéutico para apreixar a idealidade que explica a acción política de toda unha xeración. Este libro pescuda no seu papel na reelaboración do herdo do galeguismo e na súa contribución á renovación da reflexión sobre a realidade dun país. Unha traxectoria que leva da idealidade do pensamento á acción política comprometida coa idea de Galicia como patrimonio político.
No segundo, baixo do epígrafe de 'Acción política', ofrécese unha reflexión sobre o período que vai do ano 1943 a 1981. A figura central do seu protagonista, Ramón Piñeiro, resume as ilusións, angurias e fracasos que viviron e padeceron os compoñentes da mocidade galeguista -unha "xeración irrepetible"- que sobreviviu á Guerra Civil. Os mesmos que mantiveron viva a reivindicación dos dereitos políticos do pobo galego.
Miguel Barros (Carballedo, Cotobade, 1944) é presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas, S. A. e membro do consello de administración do Xornal de Galicia. Doutor en Ciencias Políticas e da Administración e mestre, publicou os libros 'Discurso e tempo' (2005) e Ramón Piñeiro nas olladas do galeguismo (2009).
Este libro é a primeira tese doutoral sobre Ramón Piñeiro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR