Miguel Barros falou de Piñeiro en Madrid

Categoría: Nova

Miguel Barros, presentou onte na Casa de Galicia de Madrid a súa obra 'Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo'. O autor estivo acompañado olo ministro de Fomento, José Blanco, e o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes.
Diante dunha considerable cantidade de público, Miguel Barros analizou algunhas das claves do pensamento de Ramón Piñeiro. Para o ensaísta, analizar a ideoloxía do intelectual galego en Madrid é algo moi importante, xa que en moitos casos o estado enténdese só dende o centralismo, mentres que Piñeiro afondaba nunha concepción propia das periferias.
A obra de Miguel Barros, que a nosa editorial publica en dous tomos, presenta as principais liñas de argumentación que o propio autor desenvolveu na súa tese de doutoramento, que dirixiu Ramón Máiz, catedrático de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.
O ministro de Fomento, José Blanco, escoitou con atención a intervención de Barros, quen explicou como Ramón Piñeiro realizaba un achegamento realista sobre as canles viables do nacionalismo. Ramón Piñeiro propuña un equilibrio entre o estado centralista e o nacionalismo no que ambos os dous convivisen.

Comparte nas túas redes sociais ou por email