Marilar Aleixandre, letra E da AELG

Categoría: Nova

A homenaxe 'O Escritor na súa Terra', impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído como unha celebración na que a terra de orixe ou de adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.
Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.

Comparte nas túas redes sociais ou por email