No día de hoxe, soubemos que a galardoada co Premio Nacional de Ensaio que concede o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España era nesta ocasión María Xesús Lama, autora de Rosalía de Castro. Cantos de liberdade e independencia (1837-1863), obra que lle valeu o premio.

Galaxia publicaba o pasado mes de febreiro de 2017, na súa colección Grandes Biografías, o primeiro dos dous volumes da biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama (Lugo, 1964), profesora de Estudos Galegos na Universidade de Barcelona e editora da obra da poeta. Este primeiro volume abrangue desde o seu nacemento ata 1863, ano da publicación de Cantares gallegos. A profesora Lama pescuda na vida de Rosalía de Castro en Madrid, nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que, na segunda metade do século XIX, decide intentar vivir da pluma.
Cun enfoque novidoso e un pulo investigador que converte a lectura nunha pescuda apaixonante na vida da autora de Follas novas, este primeiro volume relata e analiza unha serie de feitos e momentos chave na infancia e na etapa de formación de Rosalía de Castro. Desvélase a orixe acomodada e urbana dunha rapaza que medra gozando do ocio e benestar da súa clase; desmóntase a teoría do trauma da orixe, xa que é unha nena querida e valorada pola súa familia, e aclárase de xeito incuestionable o asunto da paternidade.

O xurado do Premio Nacional destacou que a obra de Lama contribúe «a revisar unha imaxe tópica de Rosalía de Castro ancorada nunha visión romántica e chorona, mostrando a unha escritora lúcida, independente e defensora da liberdade, a igualdade e a xustiza social».

Deste xeito, María Xesús Lama convértese na cuarta muller en lograr o Premio na historia do galardón e na segunda autora galega, despois de que Justo Beramendi o lograse no 2008.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR