María Xesús Lama gaña o Premio de Investigación Baltar Feijoo

Categoría: Nova

O pasado sábado o xurado do I Premio de Investigación Baltar Feijóo, convocado pola Fundación Rosalía de Castro, decidiu outorgarlle o galardón nesta primeira edición á biografía Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdad (1837-1863) de María Xesús Lama, obra que recentemente lle valeu á autora o Premio Nacional de Ensaio.
O xurado que outorgou o Premio ex aequo a carón da obra A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (2016), de Emilio Insua, destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas, e estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; Chus Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto literario a celebrar no auditorio da Fundación Rosalía de Castro este Nadal.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en abril a primeira edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O premio ten carácter bianual e poderán concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2016 e 2017, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.

Comparte nas túas redes sociais ou por email