Nunha gala celebrada hoxe na Cidade da Cultura e na que se recolleu o
veredicto de varios miles de alumnos e alumnas de Galicia, 'A verdadeira historia da mosca da tele', de María Solar, e 'O neno can' de
Fina Casalderrey e Francisco Castro, foron dous dos libros triunfadores na
gala celebrada este venres no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura,
dos Premios Frei Martín Sarmiento 2014 que recoñecen, a xuízo dos alumnos e alumnas de Galicia, os mellores libros infantís e xuvenís publicados recentemente.
O libro de María Solar, 'A verdadeira historia da mosca da tele' resultou
escollido como o mellor na categoría de 5º e 6º de primaria. Esta novela
infantil, editada por Galaxia, conta a vida azarosa dunha mosca que quere
ser unha estrela televisiva e que adoita amolar aos presentadores e sair en
pantalla. A novela infantil de María Solar resultou ser, de todas as
publicadas en Galicia, a preferida dos alumnos e alumnas do último ciclo de
Primaria.
'O neno can', da autoría de Fina Casalderrey e Francisco Castro foi a
elixida polo alumnado de 3º e 4º da ESO para recibir o Frei Martín Sarmiento como el mellor das obras publicadas recentemente. Neste
mollo de relatos, os autores ofrecen historias protagonizadas por nenos e
nenas que ven vulnerados os seus dereitos humanos máis básicos. É un libro de denuncia e é tamén un libro que busca a reflexión dos lectores e
lectoras.
Os premiados recolleron os galardóns nunha gala celebrada no Auditorio da
Biblioteca da Cidade da Cultura e na que participaron varios centos de
rapazas e rapaces que quixeron aplaudir aos galardoados.
Tanto María Solar, coma Fina Casalderrey e Francisco Castro coincidiron en sinalar a importancia que ten este premio concedido polos principais destinatarios das súas obras, a mocidade de Galicia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR