O acto celebrouse onte na sede da Fundación Paideia na Coruña, e participaron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol e Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia. A encargada de conducir o acto foi Ana Nieto, delegada da Televisión de Galicia na Coruña. Os músicos Rosa Cedrón e Alex Blanco pecharon o acto cun recital de poemas galegos musicados da autoría de Federico García Lorca e Yolanda Castaño.
'A forma das nubes' resultou gañadora de entre 41 orixinais que se presentaron nesta sexta edición do certame. O xurado, integrado por María Canosa, Dolores Vilavedra, Carlos Lema, Xavier Alcalá e Darío Xohán Cabana, describiu esta obra como unha peza intimista de temática psicolóxica que dá conta da viaxe interior dunha muller, no seu paso da infancia á xuventude.
O premio está dotado con 9.000 euros e mais a publicación da obra gañadora por Editorial Galaxia. O premio fallouse e fíxose público o pasado 13 de setembro.
A luguesa María López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago (USC) e na actualidade é docente no instituto de educación secundaria Xulián Magariños de Negreira. Amais, é profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O seu labor investigador centrouse na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, no estudo da cartografía como semiótica do espazo. Froito da súa investigación é a obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio, impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dependente da Xunta de Galicia.
Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e coñecido xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra Os fíos. A anterior, en 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por Microbios e outros paquidermos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR