María López Sández gaña o Premio Repsol de narrativa breve

Categoría: Nova

María López Sández (profesora no IES Xulián Magariños de Negreira e na Facultade de Ciencias da Educación da USC) é a gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve de Repsol, que se deu a coñecer onte nun acto na refinería coruñesa. 'A forma das nubes' é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais.
Xavier Alcalá, como portavoz do xurado gabou a calidade da novela, e indicou sobre ela que: «É unha novela que gaña ritmo, forza e calidade segundo avanza a historia, é moi suxestiva e está chea de referencia ao cine e á literatura». A obra será editada por Galaxia en novembro.
María López Sandez xa conta no seu currículo con outro galardón, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2007 pola obra 'Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio', tamén publicada na nosa editorial.
Ao acto tamén asistiron César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que se referiu ao Premio de Narrativa Breve Repsol como «unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego».

Comparte nas túas redes sociais ou por email