Margarita Ledo recolle o Premio Otero Pedrayo 2017

Categoría: Nova

Hoxe, ás 19:30h, terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a entrega do Premio Otero Pedrayo a Margarita Ledo. A cineasta e escritora converterase así na primeira muller en recibir o galardón nos 41 anos de historia do premio, que lle foi outorgado por unanimidade do xurado, e que actualmente convocan a Xunta e as catro deputacións provinciais galegas.
Académica da lingua e membro do consello de administración desta editorial, Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) ve recoñecido co Otero Pedayo a súa traxectoria vital, profesional e intelectual ao servizo do país. Unha traxectoria marcada pola temperá militancia política, o exilio e o xornalismo comprometido. Ademais, o xurado destacou tamén o seu papel fundamental como pioneira no uso de modalidades audiovisuais inéditas en Galicia, así como a perspectiva de xénero empregada en todos os seus traballos e investigacións na defensa da lingua galega e da identidade nacional.
O acto estará presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura, Xosé Leal, e contará coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e da académica e escritora, Fina Casalderrey, que será a encargada de louvar a traxectoria da premiada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email