Margarita Ledo Andión, premiada co Ramón Piñeiro Facer País

Categoría: Nova

A xornalista, profesora e escritora Margarita Ledo Andión obtivo o premio Ramón Piñeiro Facer País na súa décimo quinta edición.
O xurado destacou de Margarita Ledo Andión “o seu constante compromiso con Galicia na súa creadora actividade profesional como xornalista, escritora, docente e cineasta”.
Cualifican á académica de “partícipe fundamental no activo proceso de dignificación e renovación dos valores propios da Cultura galega, con especial atención á presenza da lingua nos novos medios de comunicación”.
Así mesmo, o xurado destaca da premiada o seu compromiso coa emigración e na defensa dos valores da liberdade e a democracia, e o seu labor para tender pontes de comunicación co mundo da lusofonía e a favor da “dignificación” das mulleres.
O Premio Ramón Piñeiro Facer País convócao a Asociación Cultural Val de Láncara coa colaboración de diferentes colectivos culturais da comarca que comprende os municipios lucenses de Sarria e O Corgo.
O primeiro premiado con este galardón foi o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo no ano 2002, e en sucesivas convocatorias tamén recibiron o galardón, entre outros, o actor Luís Tosar, o grupo Milladoiro, o político Xosé Manuel Beiras, a Real Academia Galega ou A Mesa pola Normalización Lingüística, entre outras persoas e entidades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email