Mañá en Vigo, homenaxe a Francisco Fernández del Riego

Categoría: Nova

O día 7 de xaneiro Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) cumpriría 98 anos. A Fundación Penzol e Editorial Galaxia preparan unha homenaxe civil que terá lugar o venres 14 de xaneiro, ás 19:30 h, no Centro Social Novacaixagalicia, dedicada a quen foi un dos seus fundadores, figura sobranceira do galeguismo.

A idea dos organizadores era celebrar o acto o día 7, aniversario do homenaxeado, data tamén do falecemento en Buenos Aires de Alfonso R. Castelao en 1950, pero por razóns técnicas decidiron adialo unha semana.
Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega), Xosé Luis Méndez Ferrín (presidente da Real Academia Galega), Manuel Bragado (presidente da Asociación Galega de Editores), os académicos Xosé Luis Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol, Benxamin Casal (vicepresidente de editorial Galaxia) e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol). O encargado de conducir as intervencións será o director xeral de Galaxia e codirector da revista Grial, Víctor F. Freixanes.
Antón Pulido entregará á Fundación Penzol unha copia do retrato de don Paco que no seu día o pintor realizou para a Real Academia Galega, destinado a permañecer no fondo Fernández del Riego, segundo no seu día expresou o seu desexo o homenaxeado. Tamén se proxectará un video de carácter biográfico realizado por Felix Vidal.
Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernandez del Riego, escribiu "Unha alba de Gloria para Fernández del Riego"; e de Xaime Isla Couto, compañeiro de xeración e cofundador de Editorial Galaxia, da que segue a ser presidente do Consello de Administración, lerase un poema que no seu día o intelectual galeguista escribiu para o seu amigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email