Mañá coñeceremos a obra gañadora do Illa Nova 2019

Categoría: Nova

Mañá, sábado 4 de maio, darase a coñecer o nome do gañador ou gañadora do Premio Illa Nova 2019 nun acto que terá lugar na sede da Fundación Barrié (Policarpo Sanz, 31) ás 19:00h.
Despois do éxito obtido polas dúas novelas gañadoras nos anos anteriores, A vida sinxela de Marcelo Firmamento Senlleiras, esta terceira edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2019 sumará nesta semana unha nova obra galardoada ao seu palmarés. O premio, convocado pola Editorial Galaxia, está destinado a autores e autoras menores de 35 anos, co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos e destacar o seu lugar no panorama literario.
A decisión do xurado, composto por Paz Raña Lama, Iolanda Zúñiga e Ana G. Liste, coñecerase mañá nun acto en Vigo, na sede da Fundación Barrié (Policarpo Sanz, 31), ás 19:00h. Neste acto terá lugar a entrega do premio de 3.000 euros para o gañador ou gañadora, así como dunha escultura conmemorativa, realizada por Marta Lorenzo. A obra gañadora, ademais, publicarase na colección Literaria da Editorial Galaxia. Este evento contará tamén coa actuación musical de Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega afincada en Vigo, e coas intervencións de Antía Yáñez, gañadora do Premio Illa Nova 2018, do director xeral de Galaxia, Francisco Castro e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal.
Unha vez finalizado o acto servirase un pequeno petisco no Hotel Cidade de Vigo (Concepción Arenal, 5).
Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email