Máis de 10.000 exemplares vendidos de O último barco

Categoría: Nova

Tres meses despois do lanzamento de O último barco, continúa o éxito que leva arrasando dende o minuto un arredor da terceira entrega de Domingo Villar protagonizada polo inspector Leo Caldas.
Xa son máis de 10.000 os exemplares vendidos, despois de esgotarse ás 48 horas de chegar ás mesas de novidades nalgunhas librarías e tras varios meses nos que tanto O último barco como o seu autor, Domingo Villar, se converteron en todo un fenómeno para o público. Vigo, Coruña, Ferrol ou Santiago son algunhas das cidades nas que Villar presentou o seu libro. Actos aos que acudiron centos de persoas, chegando incluso a quedaren fóra lectoras e lectores por límite de aforo, e con ringleira para as sinaturas que en moitos casos continuaban máis alá das portas das librarías.
O éxito de O último barco chega tamén as redes sociais, onde son moitas as persoas que contactan con nós para facernos chegar as súas impresións. Lectoras e lectores que aínda queren afondar máis na historia do inspector Leo Caldas e na trama que se desenvolve ao seu redor.
Se aínda non formas parte deste fenómeno, non esperes máis para mergullarte de cheo nestas 800 páxinas onde Domingo Villar consegue crear un innegable halo de misterio e profundidade. Ademais, proximamente terán lugar novos eventos co autor, que acudirá, por exemplo, á Feira do Libro de Vigo. Agardámosvos!
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email