Magín Blanco regresa con A nena e o grilo máis aló

Categoría: Nova

Estes días chegaba ás librarías galegas A nena e o grilo máis aló, o novo libro+cd de Magín Blanco, un dos traballos infantís máis agardados do ano. Unha nova entrega musical de Magín, que vén ademais acompañada polo texto teatral de Pepablo Patinho e as ilustracións de Luz Beloso, e que loce nas mesas de novidades nun coidado formato dentro da colección Sonárbore.
A nena e o grilo preguntaranse desta volta se é posible cazar estrelas fugaces ou se aos esqueletes lles presta bailar, nun libro que serve como xeito de revivir unha e outra vez o espectáculo musical de A nena e o grilo máis aló, que tamén comeza a xirar por Galicia nestas mesmas datas.
Deste xeito, regresa aos escenarios e ás librarías Magín Blanco, un dos cantautores galegos preferidos polos máis pequenos e tamén un dos artistas con máis experiencia dentro do teatro musical para o público infantil, e estréase ademais como autor de Galaxia, que por primeira vez edita a súa obra en solitario.
Un dos libros imprescindibles para este 2019!

Comparte nas túas redes sociais ou por email