LUME DE COBIZA xa está en librerías

Categoría: Nova

En Lume de cobiza, o detective californiano de pais galegos, Frank Soutelo, emprende o seu primeiro caso en Galicia que o levará por numerosas vilas e cidades galegas (Sanxenxo, Cambados, Santiago de Compostela, Vigo, O Carballiño, Muros, Soutelo de Montes…) a modo de road movie para aclarar a morte dun mozo durante a vaga de lumes de 2006. A peripecia que o levará a esclarecer o caso, espertará no propio detective a súa agachada alma de ecoloxista, razón pola que o autor de cuarta entrega das súas aventuras, Miguel Anxo Fernández, considerou oportuno solidarizarse con quen traballa a prol da defensa do monte galego. Para iso renunciará a un euro dos seus dereitos de autor por cada exemplar da primeira edición, para destinalo á Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, fundada en 1988, presidida por Pablo Rodríguez Fernández Oitabén e domiciliada no IES O Ribeiro de Ribadavia. Ridimoas dedica os seus esforzos ao coidado e merca progresiva do monte que lle da nome no concello de Beade. Lume de cobiza, da man de Editorial Galaxia, xa está nas librarías galegas desde esta mesma semana e súmase ás tres anteriores entregas do detective: Un nicho para Marilyn (Premio García Barros 2002), Luar no inferno e Tres disparos e dous friames.

Comparte nas túas redes sociais ou por email