Lois Pereiro segue connosco

Categoría: Nova

"Lois Pereiro é un poeta popular. Un poeta que conecta coa contemporaneidade e que de seguro está a ser entendido pola mocidade, pola xente nova do país. Esta é a súa forza e a garantía da súa permanencia". Antón Lopo presentou na súa terra de Monforte, de onde é o xornalista e onde naceu tamén o poeta Lois Pereiro, a biografía deste último: "A palabra exacta", unha proposta de coñecemento do escritor homenxeado o Día das Letras Galegas.

"A palabra exacta" (Galaxia) é obra construida a través de voces diversas dos que convivieron co escritor: a súa nai Inés, a súa irmá, o seu amor, os seus compañeiros de universidade e de poesía, os seus contemporáneos…
O libro mesmo remata cunha entrevista imaxinada que Antón Lopo fai a Lois Pereiro, recuperando experiencias ou conversas con el e recreando textos. "É un exemplo de imaxinación e de xornalismo. De excelente xornalismo, na liña das grandes producións americanos do NewYorquweer, por ejemplo. Un xénero literario e, ao mesmo tempo, unha vía de acceso á comprensión da realidade", explicou Víctor F. Freixanes, editor e director de Galaxia. "Antón Lopo está na mellor liña do noso xornalismo contemporáneo, como demostra neste libro e como demostrou xa en libros anteriores: a biografía de Uxío Novoneyra, por poñer outro caso".

Alicia Cadarso, concelleira de Cultura de Monforte, presentou o acto e amosou o seu pracer por celebrar a memoria de Lois Pereiro da man doutro escritor de Monforte: poeta, novelista, xornalista, Antón Lopo. "Queremos que non sexa un día nin un mes para Lois. Queremos que Monforte celebre de aquí endiante a un dos seus escritores, como un sinal de identidade noso, do que nos sentimos felices e orgullosos".

Na Casa da Cultura de Monforte, onde se celebrou a presentación, hai unha exposición na que se recollen momentos da vida monfortina de Lois Pereiro. Entre as fotografías hai varias ampliadas a gran tamaño nas que aparece o poeta e os seus amigos de xeración no colexio, nos bancos dos Escolapios, nas celebracións familiares, nas festas, cun letreiro que di: "identifica e comenta". Os visitantes sinalan os nomes das persoas e fan comentarios sobre a obra do autor. "Unha maneira de sentilo como o que é: algo próximo e noso", comentou Alicia Cadarso.

Comparte nas túas redes sociais ou por email