Hoxe, 5 de xuño, celébrase en todo o mundo o Día Mundial do Medio Ambiente, unha celebración instituída pola ONU no ano 1972 co obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de coidar a nosa casa común, o planeta terra.
A literatura, neste senso, pode ser unha ferramenta máis que axeitada para achegar valores de respecto e comprensión polo medio natural, para que, sobre todo os máis pequenos da casa, entendan a necesidade de comprender o papel dos animais e de todo o vivo como parte dunha realidade global que, se cae no desequilibrio, vai afectarnos moi negativamente.
Nos últimos anos, dentro do catálogo de Galaxia, sobre todo na colección Árbore, estamos apostando por boa literatura entre a que sobrancean, tamén, cuestións achegadas á ecoloxía e que permiten presentarnos o reino animal doutro xeito ben máis interesante que os libros de texto.
Así, para nenos e nenas de fin de primaria, a escritora Marilar Aleixandre publicaba hai pouco, 'A vaca caníbal', un mollo de historias de vacas e protagonizadas por vacas e, sobre todo, contadas por elas mesmas. Relatos que nos deixan, aos humanos, en moi mal lugar. Probablemente, como os verdadeiros animais irracionais.
Un chisco antes, publicaramos 'A verdadeira historia da mosca da tele', de María Solar, unha divertida novela que editamos na nosa colección pensada para o lectorado de 10 anos en diante, e na que unha mosca vivirá unha apaixonante aventura transoceánica ao tempo que, nas conversas con outras moscas que vai coñecendo, aprendemos moito sobre a súa alimentación, o papel fundamental que todos os animais cumpren no ecositema global que é o planeta, ao tempo que gozamos dunha completa e divertida historia catódica.
E quedándonos dentro dese mundo dos seres pequerrechos, non dende logo menos importantes, o escritor Manuel Janeiro agasallábanos coa publicación de 'A abella abesullona', andanzas e sobre todo, preguntas, dunha abella que quere saber e que, na procura de si mesma e do seu lugar no mundo, vai presentándonos animais diferentes, todos eles esenciais para que a vida sexa, precisamente, vida.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR