Libros para ler á luz do verán

Categoría: Nova

Os que somos lectores e lectoras queixámonos en moitas ocasións de non ter tempo para dedicarlle a esa paixón que nos leva a abrir un libro detrás de outro libro e outro máis. Porque hai tantas obras boas e interesantes que ler, e é tan pouco o tempo do que ás veces dispomos, que un inevitable sentimento de frustración nos ataca decote.
Por iso, o tópico que indica que nas vacacións lemos máis, resulta absolutamente acertado. Porque, liberados das obrigas laborais, abeirados pola luz do verán, arrimados nunha terraza a un refresco salvador, descubrimos que hai máis tempo para os libros e a lectura.
Como todos os anos, no intre no que en Galaxia marchamos de vacacións, queremos deixarlle a todas e a todos unhas cantas suxestións de lecturas.
Para todas e todos aqueles que, nestes tempos ás veces convulsos no que á lingua se refire, queren achegarse a un texto sorprendente que aborda os prexuízos e as simplificacións que ás veces atacan a lingua galega, deberán achegarse ao libro de Manuel Núñez Singala, 'En galego, por que non?', que hai unhas semanas coñeceu a segunda edición, algo ben meritorio na medida en que estamos a falar dun volume non narrativo, senón de ensaio. O autor demóstranos, sen perder o senso do humor e dende un planteamento absolutamente racional, como os que atacan ao galego acusándoo de "lingua inútil" ou os que argumentan que "non serve para nada", en realidade están condicionados por unha morea de prexuízos irracionais que condicionan ese pensamento trabucado.
Probablemente é a narrativa o xénero que coñece máis seguidores, en calquera época do ano. Para esta caste de lectores, Editorial Galaxia tirou do prelo recentemente unha morea de textos apostando, nunha liña iniciada con grande éxito hai anos, polas traducións dos grandes clásicos contemporáneos do noso tempo que se poden así gozar en galego ao tempo que nas súas linguas de orixe. Así, serán moitos os lectores e lectoras que se achegarán á nova proposta de Jean-Philippe Toussaint, 'A verdade sobre Marie', un libro cheo de enerxía do autor de 'Fuxir', que tamén publicamos en Galaxia.
Case ao mesmo tempo, chéganos a novela, ambiciosa e enigmática, xa dende o título ('C'), de Tom McCarthy e que publicamos dentro da Biblioteca Compostela. Nesta obra, finalista do Premio Man Booker en 2010, o autor deixa claro por que é considerado unanimemente unha das grandes voces da narrativa inglesa actual.
Finalmente, e xa dende o sistema literario galego, recibimos a esperada volta de César Cunqueiro, que publica na nosa editorial 'Beatum corpus', unha novela iniciática publicada orixinalmente en 1993 e que non perdeu frescura co paso dos anos.
O pai de César Cunqueiro, don Álvaro de Mondoñedo, está a deixarnos unha pegada importante neste seu ano do centenario, cheo de actos, exposicións e novas edicións das súas obras. É o caso dun dos seus clásicos que vén de saír do prelo a finais de xullo e que enche un oco máis que necesario na alma dos seguidores de Cunqueiro, que son miles. Referímonos a 'Escola de menciñeiros', libro que vira a luz orixinariamente en 1960 e todo un exemplo da rica capacidade de Cunqueiro para profundar na creación de personaxes inesquencibles feridos pola maxia da vida.
Finalmente, e para os amantes do teatro, a nosa editorial proponlle aos lectores e lectoras a posibilidade de se achegar a un dos grandes nomes da dramaturxia mundial, o ruso Antón Chékhov, mestre entre os mestres do teatro. Facémolo, ademais, coa publicación de dous textos canónicos e referenciais: 'A gaivota' e 'O tío Vania'. Ninguén como Chékhov soubo profundar nas pozas da alma humana, en especial daquelas que viven atrapadas polas circunstancias da historia, suxeitas a acontecementos nos que semella que todo se derruba e que a supervivencia é imposible.
Un mollo de libros para deixarse acompañar polo mes da luz. Para transitar o verán. Para descansar mellor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email