Como vimos contando desde que se coñeceu que a Real Academia adicaría o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, a editorial Galaxia vén centrando boa parte dos seus esforzos e divulgar a súa obra así como a dar a coñecer novos textos e estudos que nos axuden a profundar nunha das figuras esenciais do século XX galego e, por suposto, da cultura de Galicia. Este é un vello cometido da nosa editorial, conscientes como somos da transcendencia que o traballo de Ramón Piñeiro supón desde o instante inicial da súa fundación ata o da súa propia morte. Por iso, unha das coleccións máis queridas para nós é, precisamente, a Biblioteca Ramón Piñeiro, activa desde hai moito tempo e que este ano tirou do prelo títulos esenciais da súa bilbiografía como "Filosofía da Saudade", "Olladas no futuro" ou o ensaio "Galicia". Ao mesmo tempo, títulos como "Vida e obra de Ramón Piñeiro" de Beatriz García Turnes, xunto con outros estudos que axiña poderemos ler sobre a obra de Piñeiro a cargo de Xesús Alonso Montero ou Miguel Barros e outros especialistas, contribuirán a fornecer á sociedade galega dun mollo de volumes fundamentais para entender en todas as súas dimensións a figura do autor homenaxeado este ano. Sobre este último aspecto, o dos estudos, ensaios e materiais, están a pirques de ver a luz un epistolario interesantísimo arredor da correspondencia entre Piñeiro e Basilio Losada e que levará por título "Do sentimento á idea de Galicia".
A nosa Editorial vén de editar un díptico que podes descargar en formato PDF e no que se detallan todas as publicacións previstas para este Ano Piñeiro que tan bos zumes literarios e ensaísticos está a dar.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR