O café Tortoni é, dende hai tempo, un dos lugares de referencia da nova Galicia de Buenos Aires: homes e mulleres, sobre todo mulleres, que se reúnen unha vez ao mes nas celebres instalacións do café porteño para falar de literatura (Avenida de Mayo, 825). Os "Lectores Galegos en Bos Aires", que así se denomina a agrupación, coordinados polas profesoras Andrea Cobas Corral e Débora Campos, están a abordar nesta ocasión un ciclo sobre "Galicia na prensa", unha viaxe sobre a identidade galega a través dos medios de comunicación, tanto dentro como fóra de Galicia. No ciclo interveñen, ademais dos asistentes, algúns profesores, xornalistas e escritores invitados, entre outros: Manuel Rivas, Mariela Sánchez, Mariana D’Agostino, Antón Rey, a propia Andrea Covas, Dolores Vilavedra e Víctor F. Freixanes.

Aproveitando a estadía do director de Galaxia na capital arxentina, presentáronse no devandito ciclo os dous volumen de "Xornalistas con opinión" (biografías e escolma de textos), editado polo Consello da Cultura Galega e Editorial Galaxia, da man de Xose López, Rosa Aneiros e o propio Freixanes. Corenta biografías de xornalistas galegos e escritores que desenvolveron a súa actividade nos xornais, dende Manuel Pardo de Andrade ou o Cura de Fruime ata os nosos días, con amplas escolmas representativas dos mesmos (catro volumes).

Polos ciclos do Tortoni pasan anualmente autores e autoras das nosas letras, ben en directo, ben a través de vídeo conferencia, como foi o caso o ano pasado de Suso de Toro, a quen os "Lectores Galegos en Bos Aires" dedicaron un ciclo monográfico á súa obra.

Segundo eles mesmo explican na súa páxina web (blogoteca.com/lectoresenbosaires) a iniciativa "proponse coma un espazo aberto e de balde para todas as persoas interesadas en descubrir, redescubrir ou afondar no coñecemento e goce das letras de Galicia na cidade de Buenos Aires".

Fotografías: Paula Sabajanes

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR